A Asociación Apícola Abellas Nais organiza un curso sobre cría e selección de raíñas impartido por Gilles Fert.
NP 02/04/2025 – A Asociación Apícola Abellas Nais, fundada en 2015 en Celanova e que este ano conmemora o seu décimo aniversario, organiza da man do Sindicato Labrego Galego o curso «Cría e selección de nais». Esta formación será impartida polo recoñecido apicultor francés Gilles Fert, experto con máis de 40 anos de experiencia na cría de raíñas e defensor da conservación da abella negra.
Sobre a Asociación Apícola Abellas Nais
Abellas Nais naceu en 2015 en Celanova co obxectivo de mellorar as condicións de venda do mel, loitar contra a avespa velutina e ofrecer formación continua aos apicultores. Desde a súa creación, a asociación experimentou un crecemento notable, pasando de 40 socios e 2.000 colmeas a máis de 150 socios e 16.000 colmeas en 2023. Este incremento reflicte o compromiso da asociación coa formación continua e o apoio aos apicultores galegos, promovendo prácticas sostibles e mellorando a calidade da apicultura da zona.
Sobre Gilles Fert
Gilles Fert é un apicultor francés con máis de catro décadas de experiencia na cría de raíñas. Ao longo da súa traxectoria, colaborou en proxectos internacionais para a conservación de abellas locais e participou en iniciativas para a recuperación da abella negra en Canarias. Fert é coñecido pola súa defensa da abella negra, destacando a súa rusticidade, resistencia a enfermidades e capacidade para aproveitar as meladas tardías e o melato. Ademais, enfatiza a importancia da selección de colmeas baseándose en criterios como a produción de mel, o consumo invernal e a resistencia a enfermidades.
Detalles do curso
O curso terá lugar nunha xornada o 12 de abril no Auditorio Municipal Ildaura de Celanova, en horario de 10:30 a 13:30 horas e de 15:30 a 17:30 horas. A asistencia é gratuíta ata completar aforo, sendo necesaria a inscrición previa a través deste formulario, enviando un correo electrónico a abellasnais@gmail.com ou chamando ao teléfono 666 259 673.
Esta actividade enmárcase dentro dos obxectivos de Abellas Nais para conmemorar o seu 10º Aniversario e está organizado en conxunto co Sindicato Labrego Galego de Celanova, COAG, en colaboración co Concello de Celanova e coa financiación 100% do Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación (Formación Agroalimentaria: Siembra, Crece y Cosecha tu futuro).